O CONCELLO DE LALÍN PROTÉXESE CONTRA OS CIBERATAQUES

Xeral | 16/03/2023

A concelleira de Réxime Interno Paz Pérez e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, César Reboredo, deron a benvida a todos os traballadores que acudiron ás xornadas formativas que se están a facer no Concello de Lalín en prol da busca da seguridade informática e da seguranza dos datos.

Neste senso, Reboredo indicou que “a seguridade e a privacidade da información son moi importantes para este goberno, e un ataque pode deixar os servizos do concello sen funcionar durante días, o que nas datas que vivimos afectaría moito ao desenvolvemento diario da actividade municipal e sería inasumible”. Estas xornadas van ensinar a actuar nestas circunstancias para ter unha pautas e un protocolo para protexer do mellor xeito posible a información coa que se trata”, o concelleiro fixo especial fincapé en que “a formación é esencial e por iso se está a desenvolver deste xeito, con isto non se trata de buscar culpables senón solucións”.

A maiores, destacou tamén que “dos 8131 concellos que hai en España só están certificados 28 e da nosa categoría só 12. Antes de final de ano daremos un paso definitivo para conseguir a certificación no Esquema Nacional de Seguridade cando migremos todo o sistema informático á nube”.

Pola súa banda, Paz Pérez comentou que “a seguridade é responsabilidade de todas e todos por iso temos que traballar como un equipo e saber que facer en cada momento. O obxectivo é garantir a seguridade da información de toda a cidadanía, a súa confidencialidade e a dispoñibilidade dos seus datos. Estamos a traballar conxuntamente en dúas normas como son o Regulamento de Protección de Datos e o Esquema Nacional de Seguridade. Destaca tamén que “esta formación é totalmente imprescindible para a consecución dunha seguridade plena e efectiva no noso concello e ter a final de ano  certificación do Esquema Nacional de Seguridade”.


 Tanto Pérez coma Reboredo, Agradeceron enormemente a Carlos Vence a súa plena implicación na consecución e implementación do ENS no concello de Lalín,xa que é un dos informáticos do Concello de Lalín na cabeza deste asunto.

Estas xornadas formativas están encamiñadas a protexer ao concello dos ciberataques, nas que se está formando ao persoal do consistorio para, en caso de chegar o momento, saber e coñecer os protocolos de actuación. Desde hai 6 meses está a analizarse o funcionamento do concello e facendo análises de riscos para coñecer as debilidades ás que está exposto e poder corrixilas.


Más información
VOLVER Á LISTAXE