O PONTIÑAS PRESENTA UN ESTADO ÓPTIMO TRAS OS LABORES DE LIMPEZA INTEGRAL DO RÍO, MANTEMENTO, DESBROCES E RECUPERACIÓN DOS MUÍÑOS QUE O GOBERNO ESTÁ A LEVAR ADIANTE
É a primeira vez que se leva a cabo unha limpeza integral do cauce do paseo, recollendo todo o lixo, unhas 160 bolsas cando vai a metade da campaña
O paseo do Pontiñas atópase nun estado envexable tras o traballo continuado que o goberno de Lalín leva desenvolto nos últimos anos, a través das Concellerías de Emprego e de Medio Ambiente, con constantes labores de mantemento, desbroces, retirada de árbores secas, reparacións do valado, etc. Unhas actuacións que se enmarcan principalmente nos obradoiros de emprego “Lalín Sendas” -actualmente estase a desenvolver o “Lalín Sendas II”- e tamén mediante o traballo desenvolto polos dous operarios medioambientais que, contratados ao abeiro do programa da Risga, están a levar adiante unha limpeza total do cauce do Paseo do Pontiñas como nunca antes se fixera.
O edil de Medio Ambiente, César Reboredo, explica que “se trata dunha limpeza integral que levan adiante estes dous operarios que traballan dentro do río e ás beiras recollendo todo tipo de lixo, ao longo de todo o paseo”. “No que vai de campaña, e estamos aproximadamente pola metade, levan sacadas xa 160 bolsas”, explica.
Pola súa parte, Avelino Souto, indica que “o alumnado de Albanelería de Sendas II está a levar adiante a recuperación de tres muíños no paseo, mediante a recuperación e reconstrución dos pavimentos tradicionais mediante lousas así como de pequenos muros de contención; transportando manualmente as pedras recuperadas para pavimentos, muros e paredes ata pé de obra e mediante a reutilización da pedra desfeita nas instalacións do obradoiro”. “Tamén recuperan parte das estruturas de madeira de castaño e sanéanas coa finalidade de realizar unha nova estrutura no muíño, seguindo os esquemas tradicionais”, sinala.
Por outra parte o alumnado da especialidade de Forestais do obradoiro está a levar adiante tarefas de desbroces e de mantemento en todo o percorrido do paseo; poda de árbores e arbustos existentes na ribeira do río cando perturban o paseo dos viandantes; colocación de malla de arame nas pontes de madeira para evitar caídas e resbalóns aos usuarios do paseo por efectos da xeada, así como a preparación do terreo previo á repoboación con árbores forestais e de produción de froito incluíndo así como a plantación de árbores na ribeira do río Pontiñas incluíndo a colocación de protectores individuais antifauna nos mesmos”, subliña Souto.
“Ademais o alumnado de ambas as dúas especialidades de Sendas II leva retiradas unhas dez árbores tiradas polo vento na contorna da ribeira do río Pontiñas que desrramaron, trocearon e cargaron para levalas ao centro de formación co fin de aserralas e aproveitar a súa madeira para facer o tellado dos muíños”, concreta.