A REUNIÓN DA AP-53 CONVOCADA POR CRESPO REMATA COA CONSTITUCIÓN DUN GRUPO DE TRABALLO AMPLO INTEGRADO POR REPRESENTANTES DOS COLECTIVOS ECONÓMICOS AFECTADOS POLA INASUMIBLE PEAXE
Acordouse tamén a remisión destas demandas aos distintos representantes dos grupos parlamentarios nacionais e autonómicos e iniciar unha recollida de sinaturas a través de todas as asociacións que apoian estas demandas
A reunión convocada polo alcalde de Lalín, José Crespo, cos representantes de distintos colectivos económicos para continuar avanzando, baixo unha liña de consenso, nas medidas de presión para conseguir que, polo menos, esta autoestrada estatal AP-53 conte con descontos e/ou bonificacións dos que xa desfrutan os usuarios da AP-9 rematou coa constitución formal dun grupo de traballo e coa integración nel de novos colectivos que apoian estas demandas.
Así, todas as entidades participantes no encontro que se desenvolveu nun clima de total cordialidade, amosaron o seu apoio a estas demandas e asinaron un documento de adhesión no que comparten as reivindicacións de esixir estas bonificacións e descontos na AP-53 para os usuarios habituais a fin de posibilitar unha peaxe asumible e unha mellora nos niveis de competitividade e tamén solicitar ao Ministerio que transfira a titularidade da AP-53 á Xunta de Galicia (o documento foi asinado por representantes de AED; distintas cooperativas e sindicatos agrarios; FEGATRAMER; Transgacar; empresas locais de transporte; representantes das empresas de transporte de viaxeiros; APE Galicia; CEGASAL; Fegataxi, etc.).
Cómpre destacar que ademais das entidades que estiveron presentes na xuntanza de hoxe, houbo máis que manifestaron o seu apoio enviando a súa adhesión por outros medios: Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE); Tradime; Asociación do Colectivo de Transportes do Carbón; Federación Galega de Comercio e Aetrans Ourense. En próximos días incluso pode que se rexistren novas adhesións.
Remisión de cartas aos grupos parlamentarios e recollida de firmas
O grupo de traballo tamén acordou a remisión aos grupos parlamentarios tanto nacionais como autonómicos das demandas avaladas por este grupo de traballo así como iniciar unha recollida de sinaturas na zona de influencia da AP-53 a través dos distintos colectivos que subscriben estas medidas de presión para conseguir unha peaxe asumible para a AP-53.
Crespo foi o encargado de abrir o encontro, no que tamén interviron o presidente de AED, David Campos; o presidente de Transgacar e secretario xeral de Fegatramer, Carlos Cumplido; e o presidente de Fegatramer, Ramón Alonso.
O rexedor indicou que o obxecto da reunión é seguir presionando para conseguir para a AP-53 medidas para conseguir bonificacións ou rebaixas para a AP-53 como as que xa veñen desfrutando a AP-9 ou ben o traspaso da titularidade desta autoestrada á Xunta de Galicia. Neste sentido dixo que “hai camiño andado, posto que hai un requirimento parlamentario que lle pide ao Goberno que se aplique este tipo de medidas”, en referencia á iniciativa parlamentaria presentada polo PP e que saíu adiante coa abstención do PSOE. Fixo fincapé en que “se trata de presionar para que o Ministerio, goberne quen goberne, tome unha decisión con respecto á AP-53”. Deu ás grazas a Cumplido polo asesoramento prestado neste tema, así como ao traballo desenvolvido pola secretaria técnica da AED, Chus García.
O presidente da AED subliñou que “nos atopamos ante unha oportunidade diferente porque todas estas asociacións (as asinantes do documento de adhesión) poden facer a forza necesaria para conseguir o obxectivo da rebaixa e/ou bonificación, da transferencia da titularidade ou incluso das dúas”. Manifestou o apoio da AED a todas as accións que proveñan deste grupo de traballo para conseguir o obxectivo.
O presidente da Fegatramer, Ramón Alonso, tamén manifestou a necesidade de conseguir este tipo de medidas claves para un sector que se ve moi repercutido pola crise dos carburantes.
Carlos García Cumplido destacou o apoio ao documento de adhesión de varias entidades que non puideron estar presentes no encontro de hoxe e fixo fincapé na importancia de facerse eco desde “as nosas asociacións destas xustas demandas”. Indicou tamén o ánimo de trasladar o acordo á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e tamén ás federacións provinciais a fin de que se poidan sumar o seu apoio.