RAQUEL FERNÁNDEZ E ANA BLANCO, CARMIÑA GARCÍA E O EQUIPO FEMININO GTR ÁLZANSE CO XVII PREMIO ÁS MULLERES “DNA. MARUJA GUTIERREZ” 2023
Raquel Fernández e Ana Blanco de “Mel e Canela Alimentación Sostible”; Carmiña García Varela, fundadora do Bodegón A Cunca, e o equipo feminino GTR-Galaico Trail Run resultaron gañadoras do XVII Premio ás Mulleres “Dna. Maruja Gutiérrez” 2023, promovido polo Concello, a través das Concellerías de Igualdade e Comercio do Concello de Lalín con motivo do 8 de Marzo “Día Internacional das Mulleres” e dirixido a distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e profesional das mulleres lalinenses no 2022.
Este premio nace coa finalidade de difundir as achegas das mulleres lalinenses á sociedade, promovendo a transformación de estereotipos sexistas e rachando coas situacións de discriminación por razón de xénero, así como para estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante e relevante no ámbito da igualdade de oportunidades a fin de que sirva de exemplo para toda a sociedade e referente para as novas xeracións de mulleres.
Os ditos premios serán entregados nun acto público que terá lugar o mércores 8 de Marzo, ás 20.30 h, no Museo Municipal e que se enmarca dentro das actividades do Concello de Lalín organizadas con motivo do “Día Internacional das Mulleres”.
Cómpre destacar que o xurado escolleu as candidaturas gañadoras entre as presentadas no transcurso dunha reunión celebrada o 2 de marzo.
Raquel Fernández e Ana Blanco, pola empresa “Mel e Canela Alimentación Sostible” recibirá o premio na categoría de “Xove Empresaria”. O xurado acordou tamén outorgar o Premio “Dna. Maruja Gutiérrez” na modalidade de “Toda unha vida” a Carmiña García Varela como fundadora do Bodegón A Cunca e o equipo feminino de GTR-Galaico Trail Run na categoría de traxectoria de “Mulleres en movemento”.