O CONCELLO PROMOVE EN COLABORACIÓN CO CFR UNHA NOVA EDICIÓN DA ESCOLA DE FAMILIAS CON CHARLAS GRATUÍTAS DE INTERESE PARA NAIS E PAIS
O Concello de Lalín, en colaboración co Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pon en marcha unha nova edición do programa Escola de Familias na que, da man de charlas ofrecidas por recoñecidos expertos, se abordarán temáticas de interese para as nais e para os pais, explica a edil de Educación, Begoña Blanco.
Cómpre lembrar que a Escola de Familias naceu da cooperación entre Concello e CFR a fin de que teña continuidade no tempo como unha canle de comunicación e formación coas Anpas e que así mesmo sirva como plataforma de coñecemento para que as familias poidan estar informadas e formadas nos casos e temáticas de máis interese para o alumnado e ás súas familias.
Begoña Blanco remarca que “as temáticas e os horarios das charlas foron consensuadas coas Anpas e coas directivas dos centros nunha xuntanza mantida a finais de ano”. “Prégase a maior asistencia dado que foi unha iniciativa solicitada por pais e nais”, precisa.
En total desenvolveranse catro sesións gratuítas de febreiro a maio, que terán lugar na biblioteca municipal Varela Jácome. A participación é aberta a calquera persoa interesada e non se require inscrición previa.
O programa iniciarase o 25 de febreiro ás 11.30 horas, a cargo de Patricia Gómez Salgado que disertará sobre “Educar no uso de internet nas TIC. Claves para comprender e previr”.
Patricia Gómez Salgado é profesora, psicóloga e investigadora. Doutora en Psicoloxía, Máster e Xestión e Dirección de Servizos Sociais, Máster en Saúde Pública e especializada en Educación Emocional. Desde 2012 forma parte do grupo de traballo da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC onde desenvolveu a súa tese titulada “O uso problemático de Internet e as Novas Tecnoloxías entre os adolescentes galegos”. Desempeñou labores de docencia universitaria na USC, na Universidade de Vigo e na Universidade Internacional de Valencia.
Continuará o programa o día 25 de marzo, ás 11 horas, coa charla titulada “Cultivando actitudes saudables no deporte en idade escolar” impartida por Manuel Nores Santos.
Manuel Nores Santos é licenciado en Psicoloxía pola USC e Máster en Psicoloxía do Deporte-Uned. Imparte numerosas charlas sobre o deporte en idade escolar, autoconfianza e valor dun mesmo, así como sobre actitudes saudables no deporte, entre outras temáticas. É técnico superior de Deportes.
As psicólogas Sara Martín e Claudia Balado farán a súa intervención o 22 de abril ás 11.30 horas sobre “Taller de técnicas de estudo para familias. Axudando aos nosos fillos”.
Sara Martín é psicóloga-psicoterapeuta especialista en Xestión Emocional e Autocoñecemento e Claudia Balado é psicóloga da Fundación INGADA (Instituo Galego de TDAH e Trastornos Asociados).
Xa no mes de maio, o 20 ás 11.30 h será a quenda de abordar os conflitos cos adolescentes para promover unha convivencia feliz da man de Alejandro Rodrigo, autor do libro “Como previr conflitos con adolescentes”.
Alejandro Rodrigo é diplomado en Maxisterio musical e experto en Análise e Investigación criminal. Dedícase á intervención social e educativa con menores en risco de exclusión social, atendendo a menores e mozos suxeitos a medidas xudiciais. Ten unha consultoría de centros educativos que tamén se dedica á orientación e atención familiar.