PEPE RIBAGORDA ENXALZA ANTE DECENAS DE MILES DE PERSOAS O VALOR IDENTITARIO DO COCIDO DE LALÍN QUE “TRASPASA TODAS AS ÉPOCAS”

Xeral | 13/02/2023

A Feira do Cocido ten “un enorme mérito inicial: o de elevar á consideración da universalidade os vosos identitarios produtos e a suxestiva e auténtica maneira de elaboralos e presentalos na mesa”, subliñou

O presentador de informativos Telecinco afirmou que “de todos os cocidos quédome co voso. Non albisco nin coñezo prato que aglutine tantos sabores, tantas sensacións ao redor da mesa”

Agradeceu ao alcalde o distinguirme co título de Comendador e “ser o voso pregoiro”. “Unha altísima consideración -dixo- que agradezo e cuxas meles xa puiden desfrutar hai doce anos, en 2011, cando me distinguistes co Premio Xornalístico Álvaro Cunqueiro”

Esta edición da Feira, a primeira que se celebra sen restricións desde 2020, destaca polo seu carácter mediático, solidario e internacional e incorporará entre as novidades a celebración da Feira de Artesanía Alimentaria coa que se dará un paso máis na difusión duns produtos autóctonos excelentes


 “Apelo ao mundo pola condición da vosa Feira declarada de Interese Turístico Internacional e primeira festa gastronómica que adquire esta consideración. Ten esta condición un enorme mérito inicial: o de elevar á consideración de universalidade os vosos identitarios produtos e a suxestiva e auténtica maneira de elaboralos e presentalos na mesa en forma e maneira dun cocido que traspasa todas as épocas, con arraigo e enorme vocación de futuro porque o onte ten que vez máis consideración, afortunadamente”.


Con estas palabras comezou o xornalista e presentador de informativos Telecinco e autor da web “De las cosas del comer”, Pepe Ribagorda, o pregón da LV Feira do Cocido que ofreceu hoxe en Lalín. Remarcou que no “voso cocido se visualiza pasado, autenticidade e identidade”. Unha Feira na que participaron decenas de miles de persoas na que é a primeira edición que se celebra con normalidade e sen restricións desde 2020, sendo unha das poucas festas importantes que non perdeu ningunha edición.

Despois de dous anos atípicos fíxose un esforzo a todos os niveis para que a Feira volva a coller un pulo importante, o que se traduce en ser unha edición moi mediática -recuperouse a Gala do Cocido e emitiuse hoxe en directo desde Lalín para España o informativo de mediodía de Telecinco presentado por Ribagorda-; en ter un carácter altruísta, posto que o 30 de marzo celebrarase en Madrid o Cocido Solidario da ONCE para 1111 persoas e tamén na súa dimensión internacional, posto que hoxe hai presenza de tres delegacións estranxeiras (Escaldes-Engordany, Lalinde e Chascomús, localidades coas que o pobo de Lalín está irmanado).

Pepe Ribagorda, agradeceu ao alcalde “o honor que me ofreceu de distinguirme co título de Comendador e ser o voso pregoeiro uníndome a pléiade de ilustres personalidades que me precederon. Unha altísima consideración que agradezo e cuxas meles xa puiden desfrutar hai doce anos, en 2011, cando me distinguistes co Premio Xornalístico Álvaro Cunqueiro”.

Afirmou que ten probado todos os cocidos “pero de todos quédome co voso. Na casa institucionalizámolo. Cada mes de novembro afianzamos afectos en torno a lacóns, cacheiras, touciños, costelas, orellas, chourizos, linguas, galiñas, tenreiras, fabas, grelos e patacas”. “Non albisco nin coñezo prato algún que aglutine tantos sabores, tantas sensacións ao redor da mesa”, sinalou. “Gústame ver a súa coidada e paciente elaboración. Son impresións visuais que alumean emocións gustativas” (...) “Por non falar do pan de Lalín”, engadiu.


“Sodes uns dos adaís máis perfectos que coñezo de como a gastronomía, o voso cocido conforma a identidade dun pobo. Non hai futuro, nin presente incluso, sen a debida consideración do pasado”, defendeu. “No pasado, no voso pasado está encarnada a verdade. Verdade á que sempre recorremos. A volta no gastronómico ao sabor e á valoración dos produtos de proximidade, tan en voga hoxe, son consideracións que sempre tivestes”, afonda.

No seu emotivo pregón referiuse “a Galicia e a Lalín, por si mesmas, que son ambas todos un tratado culinario” e tivo referencias a Cunqueiro “que tanto me embruxou”, “á súa compañeira de vida, Loles Silva, pola que súas venas corre sangue galega”, “ao meu sogro, José Antonio Silva, eminente escritor, periodista e aviador”, a “Luis Mariñas, xefe entre todos os meus xefes”, ao “meu amigo Manolo Villanueva entender moito mellor a vosa singular singular idiosincrasia”, a “Melquíades Álvarez, capaz de aglutinar ao redor del na capital a todo espectro político, xudicial, periodístico, empresarial, madrileño e nacional”, e ao “bodegueiro Rodríguez Méndez”.


Fixo fincapé en que “o voso cocido adórnase de festa e configúrase como a antesala do Entroido, con el empezamos xa a saborear o carnaval en que todos os roles cambian, no que o convencionalismo se adorna de fantasía e improvisación. É outra das singularidades que observo no voso colorista e singular cocido. Porque estamos ante un prato que é pura fantasía, que se antolla case como unha irrealidade. Non hai cocido tan máximo, maxestuoso, suxerente e portentoso. Non hai prato que fale tan ás claras da vosa idiosincrasia como pobo”. “Un prato que non distingue entre ricos ni pobres, que socializa, capaz de unirnos a todos os que nos sentamos a degustalo ao redor deses principios cos que tanto nos identificamos”, precisou. Rematou alegando que o Cocido de Lalín é “festín, vida, sabor, onte, identidade”.


Esta 55ª da Feira, que reuniu en Lalín a decenas de miles de persoas tivo como cartelista ao artista Diego de Giráldez, un dos pintores vivos máis importantes de Galicia e como exposición central, “INSIDE”, do presidente de Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, que foi inaugurada o 9 de febreiro e que se pode ver ata o 14 de abril no Museo Municipal Ramón Mª Aller.

Entre as novidades deste ano da Feira do Cocido tamén cómpre destacar que se dará un paso máis na difusión dos excelentes produtos agroalimentarios mediante a celebración da Feira de Artesanía Alimentaria os días 10, 11 e o 12 de marzo, xunto á II Feira Internacional de Apicultura de Lalín, Alvariza, que vén de ter lugar con rotundo éxito.


7 NOVOS COMENDADORES

Os actos deste día grande do Cocido deron comezo ás 10.30 horas na Casa Consistorial coa Encomenda do Cocido, na que nesta edición ingresaron sete novos integrantes: José Ribagorda (pregoeiro); Clara Rodríguez (empresaria lalinense); Valentina Díaz (presidenta da Asociación Carabelo); Xosé A. Touriñán (artista); Ricardo Luís Alfonsín (embaixador de Arxentina en España); Javier Guillén (director de La Vuelta) e Noelia Rey (presentadora do Malicia Noticias e Vaia Troula da TVG e “Premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022”). Seguidamente o pregoeiro Ribagorda asinou no Libro de Honra do Concello e levouse a cabo a impresión das súas mans nun molde.

De seguido, a delegación encabezada polo pregoeiro, Pepe Ribagorda; polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda; polo alcalde, José Crespo; e polo deputado Carlos López Font, na que tamén participaron varios altos cargos da Xunta de Galicia (entre eles, o vicepresidente segundo, Diego Calvo, e o titular de Cultura, Educación, FP e Universidades, o lalinense Román Rodríguez); os Comendadores, e membros da Corporación municipal, procedeu á apertura da Feira e a visitar a Carpa do Cocido no Campo da Feira con produtos gastronómicos típicos de Lalín e de artesanía.

A continuación a delegación dirixiuse ao palco da rúa Principal onde Pepe Ribagorda ofreceu o seu pregón tras ser presentado polo Premio Álvaro Cunqueiro 2023, Manuel Villanueva, periodista e director de Contidos de Mediaset. Seguiulle o desfile de charangas, agrupacións musicais e Entroidos tradicionais galegos, que abriu o porco “Queitano”.

Pola tarde, a partir das 17.00 h actuarán polas rúas as charangas KM Cero e Leña Verde e partir das 18.30 h terá lugar a actuación da Orquestra La Fórmula e da charanga Ardores na Praza da Igrexa.

Más información
VOLVER Á LISTAXE