CÁRNICAS ANZO ÚNESE AO EQUIPO DE PATROCINADORES DA LV FEIRA DO COCIDO
Está previsto que o grupo Lence Torres tamén se incorpore en vindeiros días como novo patrocinador desta 55ª edición da Feira
Estes cinco espónsores xunto a Estrella Galicia, Abanca e Gadisa, colaborarán activamente no fomento, impulso e apoio das actividades previstas ao abeiro da LV Feira do Cocido
O alcalde de Lalín, José Crespo, vén de asinar nos últimos días convenios de colaboración institucional con Cárnicas Anzo, Avatel , Vinigalicia e Lalín Sostible, acordos polos que estas firmas se comprometen a fomentar, impulsar e apoiar as actividades previstas para a LV edición da Feira do Cocido de Lalín.
Deste xeito, a empresa lalinense Cárnicas Anzo súmase como nova incorporación local aos patrocinadores da Feira e colaborará activamente no Cocido do ano 2023 ao contar con produtos de primeira calidade, algo totalmente necesario para un evento como é este. Tamén se unirá como novo patrocinador da Feira o grupo Lence Torres (agrupa 5 marcas propias diferentes: Leyma Natura, Río de Galicia, Solar, Cremosita y Gallega) convenio que está previsto que se asine en vindeiros días. Así, o maior grupo lácteo galego dirixido por Carmen Lence, Comendadora da Feira, pasará a prestar o seu respaldo aos actos do cocido.
Cómpre destacar tamén que, no elenco de patrocinios desta 55ª edición tamén se contará coa tecnolóxica Avatel; a UTE Lalín Sostible e Vinigalicia, no eido vinícola que marida á perfección co cocido.
Así mesmo e como vén sendo habitual, contarase co provedor de cervexas máis importante, non soamente de Galicia senón que é a máis valorada de España: Estrella Galicia. Tamén estará presente Abanca e Gadisa tendo unha presenza e peso importantes no patrocinio da afamada Feira Internacional do Cocido.
Ter de man unha serie de empresas que respaldan e que proporcionan apoio participando na emblemática Feira do Cocido de Lalín é un punto a favor no seu crecemento e ten como significado a grande importancia que acadou nos últimos anos co seu recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional e a primeira gastronómica de España en obter esta máxima distinción, o que dá lugar a que se acaden melloras no desenvolvemento coa incorporacións de novas actividades.
Así mesmo tamén supón que novas firmas se unan a apoiar á marca de calidade da Feira do Cocido producíndose unha simbiose beneficiosa de forma recíproca. Deste modo, coa participación como patrocinadores estas firmas terán presenza nos diferentes actos do Cocido mediante a difusión da súa imaxe promocional.