O CONCELLO DE LALÍN DESENVOLVEU AO LONGO DO MANDATO 5 OBRADOIROS DE EMPREGO CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS
O concelleiro de Emprego, Xuventude, Agricultura e Deporte, Avelino Souto anuncia que “dende que deu comezo o actual mandato, estívose na busca proactiva de emprego, a través, de entre outras medidas, dos diferentes obradoiros que a Xunta de Galicia oferta”.O edil destacou que “no ano 2019, o Concello de Lalín puido beneficiarse do obradoiro Foresta Lalín II, que tivo un investimento asociado de preto de 400 mil € e que proporcionou emprego a 24 persoas contando a alumnos e docentes. Neste obradoiro, desenvolvéronse labores de conservación e mellora dos montes veciñais en man común en Moa, Zobra, Xesta, Bermés. E tamén se levaron a cabo tratamentos silvícolas en masas forestais e en pistas forestais municipais”.
“No ano 2020 tivo lugar o obradoiro de emprego Foresta Lalín III, no que se realizaron tarefas de conservación e mellora de montes veciñais en man común de Moa, Zobra, Xesta e Bermés, tratamentos silvícolas en masas forestais e en pistas forestais municipais e tratamentos silvícolas no Paseo Pontiñas, dando así pé ao acondicionamento pleno desta última zona. Este obradoiro tivo un investimento asociado próximo aos 400 mil € e proporcionou emprego a 24 persoas entre alumnado e docentes”, amosa Souto.
Como novidade, o concelleiro fai especial fincapé en que “no ano 2021 tiveron lugar 2 obradoiros de emprego simultáneos, algo novidoso e difícil de conseguir pero que deu lugar a poder contar co obradoiro Lalín Nova (xuvenil) cun investimento superior a 400.000 € no que o alumnado tivo a tarefa de levar a cabo apoio no mantemento informático de servizos municipais, CAU en Lalín. E tamén de desenvolver actividades físico deportivas recreativas por algunhas das parroquias, e que proporcionou emprego a 20 persoas entre alumnado e docentes. O segundo obradoiro que se estivo a levar a cabo foi o Sendas cun investimento asociado de cerca de 400 mil € no que se proporcionou emprego a 24 persoas que levaron a cabo limpeza de pistas e do paseo do Pontiñas, e tamén a reparación da carpintería do mesmo paseo”.
Finalmente, “a finais do ano 2022, comezou o obradoiro de emprego Sendas II, que se encontra actualmente en funcionamento e que ten un investimento asociado de 504 mil € e que proporciona emprego a 24 persoas entre alumnado e docentes. Os labores que acometerán ata o seu remate serán de limpeza de sendeiros do Trail Vilatuxe e no eido da albanelería terán que acometer a restauración dos muíños do Pontiñas. Os traballos principais que van realizar nesta semana e a seguinte son o lousado, con pedras recuperadas e traballadas por eles mesmos destes muíños, e tamén están a traballar na limpeza e adecuación das canles de auga que servirán para a posta en funcionamento dun dos muíños”. remarcou Souto. Finalmente o edil fixo especial fincapé en que “os alumnos de Forestais están a case 30 km de Lalín, na zona de Portomartín, realizando a roza e acondicionamento dos diferentes tramos do Trail do Candán. Un traballo moi esixente pola dificultade de acceso, xa que en moitas ocasións hai que entrar camiñando coas rozadoras e utillaxe, xa que non se pode acceder con ningún tipo de vehículo, e o gran desnivel dos tramos, en moitos casos por encima do 35 % engádelle maior dificultade ao proceso. Estase a traballar para que a principios de xuño estean todos os tramos rematados e a sinalización de todo o Trail posta, culminando coa colocación de 110 postes”.