O GOBERNO ACOMETEU A REMODELACIÓN DE DOUS LOCAIS MUNICIPAIS PARA DESTINALOS A USOS POLIVALENTES E Á DESPENSA SOLIDARIA

Xeral | 28/03/2023

Os representantes municipais aproveitaron á visita ao recén acondicionado espazo da despensa solidaria para manter un encontro cos responsables da asociación O Mencer, encargada de facer o reparto de alimentos ás familias usuarias neste localO alcalde de Lalín, José Crespo, acompañado pola tenente de alcalde e concelleira de Política Social, así como pola edil de Relacións coas asociacións de veciños e de mulleres, Carmen Canda, realizaron esta mañá unha visita ao “Espazo Activo Lalín”, un inmoble municipal, antiga sede da radio, no que o goberno lalinense vén de investir 53.694,74 € no seu acondicionamento para destinalo a espazo de usos polivalentes podendo ser utilizado como lugar de reunión de asociacións lalinenses e punto de encontro veciñal. Así tamén se desprazaron para ver in situ o local da despensa solidaria, sito na rúa Polideportivo 2, e que vén de ser remodelado nunha actuación acometida polo goberno cun orzamento de 27.510,80 € para ser cedida en uso a O Mencer.

As obras que se acometeron no “Espazo Activo de Lalín” comprenderon a totalidade dos 121 m2 de superficie interior nos que se habilitou unha única sala polivalente e un aseo accesible. Para a construción deste espazo polivalente foi preciso demoler a tabiquería interior, posto que o local municipal estaba dividido en tres despachos, corredor e almacén, así como o falso teito e a soleira, procedéndose tamén á desmontaxe de carpinterías interiores.

Estas obras de reforma tamén abrangueron a adaptación das instalacións de fontanería e saneamento, electricidade, iluminación e protección contra incendios, así como a dotación dunha envolvente e dun sistema de impermeabilización para dar solución ás filtracións de auga ao interior desde a cuberta que conforma a rúa superior.Pola súa parte, as obras de reforma no local municipal na rúa Polideportivo 2 para ser utilizado como despensa solidaria supuxeron tamén actuar sobre a totalidade do inmoble, cunha superficie útil de 99.20 m2, habilitando un espazo flexible, dotado da privacidade que requiren o servizos sociais para a atención individualizada aos usuarios. Nel fará O Mencer o reparto de alimentos ás familias usuarias.Instalouse un aseo así como un fregadeiro industrial de aceiro inoxidable con grifería extraíble. Tamén se adaptaron as instalacións de fontanería e saneamento, electricidade e iluminación e protección contra incendios.

Encontro con O Mencer e Amas de Casa Laxeiro

Os representantes municipais aproveitaron a visita a estes locais municipais remodelados para manter sendos encontro coa Asociación de Amas de Casa Laxeiro e cos membros de O Mencer, unha asociación que mantén comunicación periódica coa Concellería de Política Social do Concello para unha mellor coordinación das súas actuacións, establecendo as familias que se consideran prioritarias en cada momento.

Leva xa máis de trece anos prestando axuda ás familias en risco de exclusión, mediante a entrega de alimentos, promovendo o voluntariado social e asesorando aos seus usuarios sobre temas relacionados coa inserción sociolaboral e recursos públicos e privados ao seu alcance (a educadora social da asociación comunica periodicamente aos membros ofertas de emprego que poden adaptarse a súa formación e habilidades), violencia de xénero, problemas familiares, etc.

Actualmente está conformada por 30 persoas asociadas xunto a 60 persoas voluntarias. Realizan repartos semanais de alimentos todos os luns, así como outros puntuais cando dispoñen de alimentos especialmente perecedoiros. Así mesmo tamén organizan diversas actividades co fin de acadar recursos económicos e alimentos a través de concertos, eventos deportivos ou mercados solidarios, entre outras actividades.

Por outra parte no eido do voluntariado sensibilizan á poboación, ademais de ter un convenio con Aspadeza para a participación como voluntarios de persoas con algún tipo de discapacidade.

Más información
VOLVER Á LISTAXE