CRESPO SALIENTA QUE OS 8,8 M€ QUE INVESTIRÁ MEDIO RURAL “MOVERÁN A ECONOMÍA LOCAL E ATRAERÁN MÁIS XENTE A LALÍN”

Agricultura | 22/10/2022

“Aínda que estamos a falar de investimentos en obras, son proxectos que reportarán un gran retorno económico e social”, sostén o alcalde.

O alcalde de Lalín, José Crespo, amósase “moi satisfeito” cos 8,8 millóns de euros de investimentos que a Consellería do Medio Rural consignou para Lalín nos orzamentos da Xunta para 2023 e salienta que “os proxectos anunciados moverán a economía local e atraerán máis xente a facer vida en Lalín”.

“Trátase dunha cifra histórica de investimentos para o medio rural lalinense, a máis importante de toda a democracia, e aínda que estamos a falar de investimentos en obras, son proxectos que reportarán un gran retorno económico e social, xa que o edificio de servizos integrados practicamente centralizará a atención da Consellería para toda a comarca e a base de helicópteros e o taller de vehículos moverán un fluxo importante de persoas, entre traballadores e visitantes ocasionais, que farán gasto en Lalín”, argumenta Crespo.

Por este motivo, Crespo considera “de xustiza” manifestar a súa gratitude ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao conselleiro José González, “polo seu compromiso con estes proxectos estratéxicos e coas necesidades da veciñanza de Lalín”.

O rexedor local augura que “o retorno económico destes investimentos comezará a percibirse xa o vindeiro ano”, posto que a Consellería do Medio Rural xa solicitou licenza para a construción do edificio de servizos integrados e a vontade do goberno local é axilizar a tramitación para tentar concederlla antes de que remate o presente ano, coa finalidade de que poidan licitar a construción en marzo e comezar as obras ao longo de 2023. “Aínda que a planificación orzamentaria abrangue os anos 2023, 2024 e 2025, a realidade é que as obras arrancarán en 2023 e practicamente quedarán rematadas en 2024, aínda que o peche orzamentario sexa en 2025”, explica o alcalde.

Por outra parte, en canto ao taller que a Consellería do Medio Rural habilitará na súa nave do Polígono Industrial de Botos, Crespo destaca que nel “arranxaranse as motobombas e os vehículos de incendios de toda Galicia, polo que alí vai traballar un grupo considerable de persoas que farán vida en Lalín e, por iso, poderase considerar como unha industria máis, das importantes, que vai funcionar en Botos”.

No que respecta á base central de helicópteros de Galicia, cun investimento de 3,8 millóns de euros e con capacidade para cinco aeronaves, Crespo remarca que “a Consellería escolleu Lalín como lugar idóneo debido á situación xeográfica de centralidade”. “As construcións previstas, que se realizarán en madeira, constarán dunha parte para a tripulación dos helicópteros e a outra para as brigadas e suporán tamén un importante retorno económico para o pobo porque todo ese persoal acabará xerando gasto en Lalín”, salienta.

Parcelarias

Por último, o rexedor local precisa que, a maiores, a Consellería do Medio Rural tamén vai decretar as concentracións parcelarias de cinco parroquias: Galegos, Cristimil, Goiás, Xaxán e a Veiga. “Tamén van levar aparellados uns investimentos importantes por parte da Xunta de Galicia, polo que o montante final de investimentos de Medio Rural aínda se verá incrementado notablemente”, engade.

Más información
VOLVER Á LISTAXE